09/04/10

Novo australopithecus


Um homínido achado em Sudáfrica revela umha nova etapa na evoluçom




O descubrimento de dous esqueletos de fai dous millóns de anos, pode «ser a pedra roseta que permita comprender a orixe do xénero Homo».


Paleontólogos surafricanos identificaron unha nova especie de homínido de hai case dous millóns de anos, que arroxa luz sobre a evolución da especie humana e pode ser un elo entre o home-mono surafricano (Australopithecus africanus) e os primeiros homes.

O achado, publicado este xoves na revista científica Science, foi posible grazas a dous esqueletos -dun neno e unha muller- atopados en 2008 nunha cova da rexión surafricana de Sterkfontein, a 40 quilómetros de Johannesburgo, declarada berce da humanidade pola gran cantidade de fósiles que alberga.

A nova especie, bautizada Australopithecus sediba, «pode moi ben ser a pedra roseta que nos permita comprender a orixe do xénero Homo», declarou a Science o autor principal do estudo, o paleontólogo Le Berger, da universidade surafricana de Witwatersrand.

Berger explicou que pola súa morfología os esqueletos comparten características tanto co Australopithecus africanus como cos primeiros membros do xénero Homo, en particular o Homo erectus e o Homo ergaster.

E subliñou a gran importancia do descubrimento porque vén colmar un baleiro no tempo, xa que os restos, de entre 1,78 e 1,95 millóns de anos de antigüidade, datan dun período do que case non existen rexistros fósiles.

«Temos un bo rexistro fósil dos homínidos fai máis de 2,1 millóns de anos, e satisfactorio para fai 1,6 millóns de anos, pero a época entre 1,8 e 1,9 millóns de anos foi realmente un buraco negro», sinalou.

Os esqueletos revelan un cerebro moi pequeno e uns brazos moi longos, propios dos australopitecos, pero tamén unha cara moi avanzada, cun nariz e dentes pequenos, unha pelvis para camiñar ergueito, pernas longas e unha cavidade cranial similar á de homínidos moi posteriores como o Homo erectus ou o Homo habilis, engadiu.

Segundo Berger, estamos ante unha nova especie porque «nunca vimos esta combinación de trazos en ningún homínido».

O Australopithecus sediba tiña unha estrutura ósea similar á das primeiras especies de Homo, pero a empregaba máis ben como un Australopithecus, a máis famosa das cales é «Lucy», achada en Etiopía en 1974 e que viviu un millón de anos antes, sinala o estudo.

Isto indica que a transición dos primeiros homínidos, que vivían en árbores, ao xénero Homo plenamente bípedo ocorreu en etapas lentas e que primeiro emerxeron varias especies similares á de Homo, sinala o estudo.

«Estes fósiles permítennos atisbar un novo capítulo da evolución humana nun período crítico, cando os homínidos cambiaron a súa dependencia da vida nas árbores pola vida sobre terra», dixo Berger.

A nova especie, cuxo nomee significa «fonte» no idioma surafricano seSotho, comparte máis trazos cos primeiros Homo que calquera outro australopiteco e por iso pode ser a súa antecesora ou estar emparentada cun antecesor que coexistiu durante un tempo co Homo, explica o estudo.

Os dous esqueletos foron atopados o un á beira do outro nun bo estado de conservación en depósitos de sedimentos da erosionada cova de Malapa, onde foron arrastrados por un alude, o que indica que a súa morte se produciu pola mesma causa pouco antes, sinala noutro estudo en Science o geólogo australiano paul Dirks.

Segundo o científico, a contorna no que habitou o Australopithecus sediba era moi similar ao de hoxe, con chairas verdes e vales boscosos, aínda que os ríos fluían en distintas direccións e a paisaxe era cambiante.

Os investigadores, que identificaron tamén na cova os fósiles de 25 especies de animais, entre eles gatos dente de sabre, antílopes, unha hiena, un gato salvaxe e un cabalo, sospeitan que o lugar, que tiña decenas de metros de profundidade, foi unha trampa mortal para animais en busca de auga.




-Justo no momento preciso para falar de raça humana, raça cabalo, raça can e parvadas deste gosto, moi ingeniosos ... Assim facilita a compresión do problema africano.

Sem comentários: