15/12/08

Inaugurada a sede da Fundación Eduardo Pondal
14 December 2008 | General | Email | Print

null

M. CARMEN SUÁREZ. PONTECESO. O bardo de Bergantiños e a súa memoria permanecerán para sempre na súa vila natal, en Ponteceso. Hai unhas semanas inaugurábase diante da casa que veu nacer ao escritor a ruta pondaliana que leva por nome Val Nativo e que está tendo un grande éxito, e o vindeiro 13 de decembro estrénase a sede da Fundación Eduardo Pondal no seu municipio, na que foi a antiga casa rectoral de Cospindo.
Despois de anos de negociacións, a Igrexa cedeu ás instalacións ao Concello para converterse nunha sede adicada ao escritor. Foron rehabilitadas con fondos da Diputación Provincial a través do Plan de Dinamización da Costa da Morte, o Concello e a Consellería de Cultura. AAsociación Cultural Monte Branco, a máis firme defensora de Eduardo Pondal, quere rendirlle unha nova homenaxe ao autor bergantiñán cunha semana cultural que comezará o día 13 de decembro e rematará o 20.
Cada unha das xornadas leva por título un poema do autor, con nomes tan coñecidos como Os bardos, Onde vin a luz primeira ou Ben te vexo Bergantiños, entre outros. Na primeira xornada, que coincide coa inauguración da sede, os promotores da iniciativa -Anxo Cousillas, Hadrián Varela, Xosé María Varela, e Xosé Manuel Varela- presentarán ao público a ruta pondaliana e, de seguido, haberá un percorrido polos lugares máis emblemáticos bañados polo río Anllóns. Anxo Cousillas foi o encargado de sinalizar o itinerario con catorce menhires, recuperando así o celtismo, que é algo constante na obra de Pondal.
Durante todas as xornadas daranse a coñecer diversos datos relacionados co escritor, aínda que tamén están programadas numerosas actividades paralelas como actuacións teatrais e musicais, cine, exposicións de artesanía, fotografía e imaxes sobre os vintecinco anos de vida de Monte Branco.
O día 19 haberá unha mesa de traballo na que participarán os técnicos de varias fundacións similares como a Fundación Castelao, Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, TorrePujales e Wenceslao Fernández Torres. Os actos dese día rematarán coa presentación do viño albariño Pazo Condal por parte do enólogo Óscar Maio. Epara concluir os actos da semana cultural, haberá un roteiro pola cidade da Coruña que incluirá a visita e ofrenda floral ao cemiterio de San Amaro, Torre de Hércules e aos monumentos de Curros Enríquez e Eduardo Pondal nos xardíns de Méndez Núñez.
Despois da inauguración oficial, na sede da Fundación Eduardo Pondal levaranse a cabo distintas iniciativas para manter viva a memoria do autor do himno galego, que o ano pasado cumpría o seu centenario.

Sem comentários: